recortes

Tiranía das emocións

La Gioia

Manuel Xestoso in ERREGUETÉ, 14 jul 2018 notícia online

Pippo Delbono leva moito tempo facendo obras que combinan o teatro, a danza, a performance e o carnaval. Pero, en realidade, onde reside o atractivo das súas montaxess é na apelación ao sentimental, que no seu caso sempre se mostra dende a potencia da súa figura como showman e contador de historias e dende a singularidade dunha troupe que foi montando cos anos e que inclúe ao seu inseparable Bobo –que naceu con microcefalia e que pasou 45 anos nun psiquiátrico–, Gianluca Ballarè –un antigo alumno da súa nai que padece a síndrome de Down– ou Nelson Lariccia –un antigo ‘sen teito’ a quen atopou cando aínda vivía na rúa.

Con estes vimbios, Delbono foi quen de construír espectáculos que abordaban temas sociais de calado –Tempo degli assassini, La Menzogna– combinando o recurso ao sensible cunha linguaxe que confía máis no corpo que no texto e que procura un camiño case relixioso de recuperación de emocións como a dor, o medo ou a rabia para expresar a insatisfacción co estado das cousas.

Nas súas últimas obras, porén, esa rabia que conduce á revolta foi perdendo protagonismo en favor dunhas preocupacións de orde máis existencial que, en mans desa invocación á solidariedade emocional, rematan por caer nun discurso máis próximo á autoaxuda que a un desafío artístico penetrante. La gioia é un paradigma desta deriva.

Escoitar por enésima vez a historia dos seus acompañantes –confinados a un plano máis ben decorativo–, contemplar como se crean uns cadros visuais que apuntan a unha estética máis ben kitsch, ou asistir a unha sucesión de escenas cuxo fío condutor é un relato fragmentario cuxa coherencia dista moito de ser solvente, converte esta función nunha caricatura do que Delbono ofrecía noutros tempos.

Dentro desta impresión xeral de rebaixas segue presente a habelencia para crear imaxes visuais de impacto, a graza dalgunhas intervencións do elenco, o uso dalgúns símbolos que se perverten con certa intención. Pero a sensación xeral é a dun exercicio escénico que non atopa o seu camiño porque, en realidade, non ten nada que dicir verdadeiramente pertinente sobre o tema da alegría, nin sobre ningún outro.

O autor deféndese antes do ataque explicando que hai “algúns buracos negros” no espectáculo: non parece confiar moito no propio traballo e, de novo, recorre aos sentimentos para xustificarse. Igual que cando ironiza sobre a “obstinación” do público alemán por “entendelo todo”: a vida é imposible de entender, argumenta. E si, é certo que a vida non ten un guión, pero a arte existe precisamente para iso, para atoparlle un sentido que vaia máis alá da tiranía das emocións do momento.

La gioia, de Pippo Delbono

Director: Pippo Delbono
Elenco: Dolly Albertin, Gianluca Ballarè, Bobò, Margherita Clemente, Pippo Delbono, Ilaria Distante, Simone Goggiano, Mario Intruglio, Nelson Lariccia, Gianni Parenti, Pepe Robledo, Zakria Safi, Grazia Spinella.
Composición floral: Thierry Boutemy.
Música: Pippo Delbono, Antoine Bataille, Nicola Toscano.
Iluminación: Orlando Bolognesi.
Son: Pietro Tirella.
Vestiario: Elena Giampaoli.
Atrezzo: Gianluca Bolla.

Festival de Almada. Escola D. Antonio Costa. 12 de xullo de 2018.

mostrar mais
Back to top button
Close
Close

Adblock Detected

Please consider supporting us by disabling your ad blocker