Robert Wilson estréase no Festival de Almada

in Erregueté – revista galega de teatro, 31 Mai 2019 – notícia online

Comezan a chegar noticias sobre a vindeira edición do Festival de Almada, que se desenvolverá entre o 4 e o 18 de xullo, e sobre algúns dos espectáculos que se poderán ver. Será unha programación marcada pola diversidade estética e disciplinar e con espectáculos oriundos de Alemaña, Arxentina, Bélxica, Congo, España, Francia, Italia, Noruega e Portugal, na que terán lugar tamén o teatro de rúa e os espectáculos presentados en espazos non convencionais.

O director estadounidense Robert Wilson, un dos creadores teatrais máis destacados de todos os tempos, preséntase este ano por primeira vez no Festival, nunha colaboración co Centro Cultural de Belém. Mary said what she said, un monólogo escrito por Darryl Pinckney, será protagonizado pola aclamada actriz francesa Isabelle Huppert. O espectáculo ten música orixinal do compositor italiano Ludovico Einaudi.

Sempre inventivo, Robert Wilson ofrécelle á grande Isabelle Huppert o trono de María, Raíña de Escocia, a raíña que perdeu a coroa por mor das súas paixóns. María é unha muller que loitou contra as forzas da historia para controlar o seu destino. O día antes da súa execución, aínda está loitando. Loita mentres busca a voz para chamar pola xustiza divina. Escribe historia.

Ademais, no Teatro Nacional D. María II presentarase a última creación do director belga Jan Lauwers. Depois do éxito obtido na última edición do Festival con Isabella’s room, a actriz Viviane De Muynck (que a revista Les Inrockuptibles aclamou como “a mellor actriz viva”) protagoniza este ano a última creación de Lauwers. Guerra e Terebintina está baseada na novela que Stefan Hertmans escribiu sobre a I Grande Guerra a partir do diario do seu avó, que a crítica internacional considera unha obra con “todas as características para se converter nun clásico”.

Na última edición do Festival, o éxito do debut da compañía de teatro físico alemán Familie Flöz –un de cuxos fundadores foi o clown galego Paco González– foi tal que o público elixiu Dr. Nestcomo o Espectáculo de Honra para a edición de 2019. O xornal alemán Die Welt considerou que “se houbese un premio Charlie Chaplin, esta compañía debería recibilo”. Familie Flöz actuou en todo o mundo, sendo aclamados onde queira que actúen.

No centenario do nacemento de Primo Levi, a Companhia de Teatro de Almada estrea tamén Se isto é um homem, “unha das mais lúcidas e impresionantes visións dos campos de exterminio nazis”. A dirección é de Rogério de Carvalho e a interpretación de Cláudio da Silva.

O programa completo do Festival darase a coñecer o 14 de xuño.

mostrar mais
Back to top button