
O mundo como ameaza
Saudações, de Eugéne Ionesco. Companhia de Teatro de Almada. Dirección: Álvaro Correia. Elenco: André Pardal, Bruno Soares Nogueira, Carla Bolito, Pedro Walter, Teresa Gafeira.
Manuel Xestoso in nós diário 17 Julho 2026 | notícia online
No arranque dunha nova edición do Festival de Almada, a Compañía de Teatro de Almada (CTA) presentou no Teatro Joaquim Benite Saudações, unha proposta que mergulla o espectador nas profundidades dun teatro do absurdo que atopa novos argumentos: se nas décadas de 1950 e 1960 o absurdo proviña do pasado, da lembranza dos campos de concentración e da ameaza nuclear, hoxe nútrese do que cada día exhibe o telexornal.
Baixo a dirección de Álvaro Correia, esta montaxe constitúe unha amálgama de tres textos curtos de Eugène Ionesco que, en conxunto, ofrecen unha visión desconcertante e necesaria sobre a condición humana e a quebra da comunicación no mundo contemporáneo. A peza que dá título ao espectáculo, Saudações, funciona como un fío condutor ou separador que abre, interrompe e pecha a representación. Nela, personaxes vestidos coa estética dos cadros de René Magritte saúdanse de xeito ritualístico, respondendo á pregunta de como vai un con secuencias interminables de adverbios absurdos (balalaikamente) que desembocan no atinado neoloxismo ionescamente. Esta escolla subliña a total incapacidade da linguaxe, onde as palabras perden o seu significado e os individuos parecen incapaces de atopar o termo exacto para nomear a realidade que os rodea. Máis actualidade, imposible.
O núcleo dramático desenvólvese a través de O Novo Inquilino e Delírio a Dois, ambas ambientadas en espazos claustrofóbicos. En O Novo Inquilino, asistimos ao inquietante silencio do protagonista (o sempre abraiante Pedro Walter) fronte ao discurso torrencial dunha governanta (Teresa Gafeira) que evoca o cine de Jacques Tati. O insólito maniféstase aquí na inversión física dos obxectos: vasos que pesan toneladas e mobles masivos cargados con lixeireza, unha coreografía do absurdo executada con precisión polos actores. Entrementres, o espazo vaise enchendo progresivamente de mobles que acaban por colapsar a cidade, transformando o fogar nunha barreira de illamento contra un mundo exterior que se percibe como ameaza.
Pola súa banda, Delírio a Dois presenta a unha parella (André Pardal e Carla Bolito) atrapada nun conflito doméstico eterno mentres fóra ruxe a guerra. As súas discusións sobre se un caracol e unha tartaruga son o mesmo animal son o espello dunha violencia externa que acaba por irromper no seu apartamento semidestruído en forma de militares e veciños envexosos. Para estes personaxes, a paz resulta tan terrorífica como a guerra, pois revela o baleiro absoluto da súa propia relación.
A posta en escena inspírase na comicidade disparatada dos Irmáns Marx (moi apreciados por Ionesco) e no surrealismo iconoclasta de Boris Vian. A compañía invita ao público a deixarse levar pola construción lóxica do delirio. E claro, no actual contexto político, ese ollar desconcertante de Ionesco sintoniza cunha realidade cotiá, na que se erguen muros que acoutan o lugar da razón. Saudações triunfa ao lembrarnos que, nun mundo que carece de sentido, o teatro pode ser o único espello fiel que nos queda.