Mirada compasiva

Manuel Xestoso in ERREGUETÉ, 13 jul 2018 notícia online

Hai un tipo de heroe que combina o estigma da brecha social co malditismo do nihilista. Un heroe moi celebrado polos franceses que contribuíron a transformar en mito algúns deses personaxes extraídos dos subterráneos da sociedade e que transitan pola estreita fronteira que separa a poesía da delincuencia: o Querelle de Fassbinder ou o Roberto Zucco de Koltés pertencen a esa estirpe. Pero xa antes Ferenc Molnár escribira este Liliom, que combina o lirismo e a ferocidade para refutar a orde máis sagrada da burguesía, a do traballo e o diñeiro.

Existe tamén unha tradición francesa que retrata a pé de obra ese mundo marxinal dotándoo dunhas cores pastel que o idealiza e o dignifica ao mesmo tempo. Un mundo onde resoan as melodías das festas populares pintadas por Renoir ou os circos imposibles do Picasso da etapa rosa.

Liliom de Jean Bellorini cabalga entre ambas tradicións buscando un punto de encontro. O director refúxiase nun espazo de soño –unha feira, coa súa noria e a súa pista de autos de choque, flanqueada polas autocaravanas dos feirantes– que redunda no onírico e que, non obstante, permite observar as dúas caras da diversión: a que ve o público e a que permanece oculta, o pasatempo amable e a cotidianeidade miserable dos que ofertan o entretemento.

Por esa banda é por onde a montaxe se achega mellor ao seu obxectivo: mostrar non tanto o conflito social como o material humano onde se produce. A incapacidade para comunicar emocións que provoca a violencia aflora dende ese escenario engaiolante que ilumina e esmaga aos personaxes. Reducidos a un modo de expresión elemental e instintivo precisan do ruído das atraccións para non enfrontarse cuns sentimentos que non saben como xestionar. O drama duns seres de existencia impedida pola circunstancia permanece no fondo dun relato no que se alían o romántico e o cómico para disimular a inxenuidade.

Bellorini carga máis nas tintas pastel que nas sombras do submundo. A súa posta en escena inclínase máis ao melodramático que á denuncia e iso reduce un chisco a eficacia do seu discurso. E, malia todo, a función non perde interese en ningún momento, apoiada en incursións no burlesque, no cabaré ou no slapstick e nun tratamento coral dos personaxes secundarios que reitera a mirada compasiva con que se contempla a trama.

A historia transfórmase así nunha estraña fábula sentimental contada dende a distancia brechtiana: unha especie de traxedia popular que invita ao público a escarvar nas motivacións dos seus desclasados heroes, edulcorando a ferida pero proxectándoa nunha dimensión soñadora que a dota dun singular atractivo e que confirma o interese xerado arredor deste director.

Liliom ou la vie et la mort d’un vaurien de Ferenc Molnár

Dirección: Jean Bellorini
Elenco: Julien Bouanich, Amandine Calsat, Delphine Cottu, Jacques Hadjaje, Clara Mayer, Julien Cigana, Teddy Melis, Marc Plas, Lidwine de Royer Dupré, Hugo Sablic, Sébastien Trouvé, Damien Vigouroux.
Escenografía e iluminación: Jean Bellorini.
Música: Jean Bellorini, Lidwine de Royer Dupré, Hugo Sablic, Sébastien Trouvé
Vestiario: Laurianne Scimemi
Maqullaxe: Laurence Aué

Festival de Almada. Teatro Municipal Joaquim Bente. 10 de xullo de 2018.

mostrar mais
Back to top button