Almada 2026: O reencontro cos mestres e a vangarda escénica nunha edición marcada pola pegada de Chekhov

O Festival de Almada reafirma o seu papel como referente internacional das artes escénicas coa celebración da súa 43ª edición entre o 4 e o 18 de xullo de 2026. A edición deste ano reúne 12 creacións internacionais e sete espectáculos lusos que se espallarán por oito escenarios distintos entre Almada e Lisboa. Cunha programación que pon o foco na herdanza de Anton Chekhov e que conta con nomes da talla de Peter Stein, Christoph Marthaler ou Anne Teresa De Keersmaeker. O encontro ofrecerá tamén o Espectáculo de Honra escollido polo público o ano pasado:Teatro Delusio, da compañía alemá Familie Flöz, un de cuxos fundadores foi o galego de Valdeorras Paco González

Manuel Xestoso in nósdiario 15 Junho 2026 | notícia online

Almada convértese, un verán máis, nun punto de encontro obrigatorio para as artes escénicas na península. A 43ª edición do seu festival de teatro, que se celebrará do 4 ao 18 de xullo de 2026, confirma a solidez dun proxecto que desafía a estacionalidade e a lóxica puramente comercial dos eventos estivais. O espazo certame non é só unha cita lusitana, senón un faro para toda a península, consolidando un espazo de resistencia e calidade artística que atrae a milleiros de espectadores que cruzan o Texo en busca de propostas que foxen do máis mallado no circuíto festivaleiro.

A presente edición conta coa organización compartida entre o Concello de Almada e a Compañía de Teatro de Almada, poñendo en marcha unha maquinaria que mobiliza oito escenarios diferentes distribuídos entre a propia localidade almadense e a veciña Lisboa. A carteleira para este 2026 é ambiciosa: un total de 12 producións internacionais daranse a man con sete espectáculos de selo portugués, ofrecendo un percorrido pola vangarda e os clásicos da escena mundial.

Desde hai décadas, o Festival de Almada destaca pola súa capacidade para atraer a figuras que definiron o teatro contemporáneo. Nesta edición, nomes da talla do xermano Peter Stein, os helvéticos Milo Rau e Christoph Marthaler, ou a coreógrafa belga Anne Teresa De Keersmaeker encabezan un programa que tamén inclúe ao serbio Josef Nadj e á memorábel Familie Flöz, compañía fundada, entre outros, polo galego de Valdeorras Paco González.

Sobre Chekhov

A programación deste ano xira, en gran medida, arredor da pegada indelébel de Anton Chekhov. O veterano Peter Stein regresa ao festival para presentar o que se presume será o seu último traballo: Platónov. Trátase dunha peza que o autor ruso redactou na súa mocidade e que nunca viu representada en vida, agochada nun caixón durante décadas por ser considerada excesiva e pouco concisa para os estándares da época.

Stein, que considera que o mozo Chekhov xa entendera as claves da alma humana aos 21 anos, mergúllase nesta historia dun home fascinante pero inútil para atopar o seu lugar nun mundo materialista. A obra presenta o xerme dos “homes superfluos” que poboarían despois as grandes obras do mestre ruso, explorando o tedio, o desamor e a incapacidade de adaptarse aos cambios dunha sociedade en ruína.

A obsesión por Chekhov non remata aí, pois o festival concluirá coa posta en escena de A gaivota, baixo a batuta de Christian Benedetti no Palco Grande da Escola D. António da Costa. Benedetti, que dedicou máis dunha década a montar a integral do autor ruso, propón unha visión radical que obriga ao público a abandonar a súa pasividade, mantendo mesmo as luces da sala acesas para que ninguén poida evadirse da responsabilidade de tomar partido.

O diálogo co clásico ruso esténdese a outras tres creacións contemporáneas. Milo Rau presenta La lettre, un estudo escénico onde as historias persoais de dous intérpretes se entrelazan coa obra de Chekhov e a figura de Xoana de Arco. Pola súa banda, Raquel Castro explora a ansiedade creativa en Ansioliticamente falando, onde a biografía da propia directora acaba filtrándose inevitablemente no proceso de ensaio dunha peza chekhoviana.

O terceiro vértice deste triángulo contemporáneo é Miguel Fragata con Só máis unha gaivota. Fragata recupera o destino de varios compañeiros de promoción que se estrearon profesionalmente co texto ruso hai vinte anos, transformando a realidade e a ficción nunha reflexión sobre as ambicións frustradas e a supervivencia no mundo da arte.

mostrar mais
Back to top button